El banyán rojo

Abandonamos a Banda Deseñada galega para adentrarnos de cheo no fondo das “Mil e unha noites”, coa historia perdida que Scheherezade nunca lle contou ao Rey Shariar, “El banyán rojo” de Carlos Vermut. Unha historia propia do mellor contacontos (digo isto con coñecemento de causa), máxica, sensual, onírica, tan estraña e cercana como as palabras que vos susurro, tan contián e tan lonxana como o país no que se desenvolve, a India. Unha historia dentro doutra historia con mil e una historias sen contar, que ademáis de deixarnos moi bo sabor de boca, tingue o noso corazón de amargura despois de cada páxina. Amargura por non poder devorar máis páxinas, por non ter máis historias coas que poidamos coñecer o folklore hindú, venerar aos seus deuses, odiar aos seus monstros. Máis páxinas para chegar a obter a tan preciada realización do ser (o tesouro do Siddhi), para adentrarnos de cheo na porta de Jade, sentir o seu calor, beber das súas pálpebras, chegar ao éxtase no mesmo sitio no que estan inscritos os lamentos de Lao Tsé, o poeta Chino que desterrou o seu corpo para poder atopar a súa alma.
Un desterro obrigado como o que sofre o protagonista da nosa historia, Kailash, ao que o todopoderoso Shiva (deus da destrucción), nun avatar do destino, lle quita a única cousa que non quere perder no mundo, a súa ferramenta de traballo, o don co que esculpe as súas preciadas obras de arte, os seus brazos. Esta perda é aínda maior cando se está na “jungla del silencio” onde ninguén pode escoitar os teus laios, onde ninguén te pode rescatar, onde ninguén pode escapar. O lugar no que só pode adentrarse o monstro Dundhu… o posuidor da “Máscara del Dios Cuervo” …
Sen dúbida, esta obra, foi unha das mellores sorpresas coas que me puiden atopar no “Saló”. Unha historia cun guión moi elaborado cheo de metáforas suxerente que concorren en perfecta harmonía co poder das ilustracións. Unhas ilustracións que nos transportan a outra cultura, a outro lugar, amosándonos demos, monstros, costumes, paisaxes que a pesar de non pertencer ao noso ambito cotián, non nos son para nada estrañas. Ilustracións cun uso inusitado da cor que se basea sobre todo na execución de liñas escuras predominando as tonalidades en negro, verde e granate que dotan á historia dun ambiente propio das mellores novelas de terror. Unhas cores que aportan verosimilitude a acción, a paisaxe e sobre todo as personaxes, as que botando unha simple ollada (unindo o uso da cor coa definición das súas formas) se lles pode atribuir un papel na narración, ainda que teño que advertir que vos levaredes máis dunha sorpresa. Pero non son só as ilustracións as que fan este cómic diferente, estamos a falar dunha historia tan ben executada (enorme poder do ritmo narrativo, perfecta ambientación, sublime deseño das personaxes, guión orixinal…) que fai presente o dito de “un libro como unha viaxe comeza con inquedanza e remata con melancolía”.
Teño que engadir tamén que este sublime traballo é a primeira historia longa deste ilustrador e guionista madrileño. Eran coñecidas anteriormente as súas participacións en revistas ou fanzines con historias breves (a última saiu no último número de Barsowia), pero foi esta a que o chamou a ser a nova promesa do cómic nacional xunto co ourensán David Rubin. De feito, no “Saló” deste ano estivo nominado as categorias de mellor obra, mellor guión, mellor debuxo e autor revelación.
Este cómic está disponible na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano. Consulta o noso catálogo







