Seminario Internacional de Bibliotecas e Banda Deseñada: Lisboa, 23/24 de outubro

Fancómic

02-02-2008

Trazos de cómic

Etiquetas: Biblioteca, Coruña

Visita de Miguelanxo Prado á Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da CoruñaMiguelanxo Prado biblioteca

Como anunciaramos, este martes recibimos a visita do xenial Miguelanxo Prado. Veu á nosa biblioteca non para demostrar canto sabe -que é moito- senón para acompañar a un grupo de mozos na súa iniciación á arte de compartir información cun lector que non só interprete códigos escritos, senón que tamén sexa descifrador de imaxes.

O encontro estaba aberto ao público, así que un grupo de escoitadores puidemos beneficiarnos das súas palabras e das súas diapositivas con imaxes inéditas, recordos e bosquexos. O certo é que a visita era un feito anecdótico, pero novos e maiores sentímonos seducidos polas súas palabras e pola arte de narrar en historietas. Todos queremos máis, así que intentaremos que os talleres e encontros con autores non se celebren en ocasións puntuais, senón que se concreten nun feito quotidiano e delirante.

Que valor engadido atopamos ademais na visita de Miguelanxo? Pois, nin máis nin menos que promocionar a cultura do cómic ente usuarios e bibliotecarios descoñecedores do xénero e que aínda seguen mantendo a idea do "cú, cómic, vade retro, manga".

Non en balde, Miguelanxo soamente dedicou palabras de encomio ao cómic chegado de Xapón, alegando unha verdade como un mundo: o manga propiciou o feito de que as mozas lean cómics, un xénero que ata fai relativamente poucas primaveras estaba dirixido ao comprador por excelencia, o público masculino. Por outra banda, pero continuando coa defensa do cómic, pronunciouse en contra dunha campaña que hai anos levou a cabo o Ministerio de Cultura, cuxo logo viña dicir que os fillos debían ler cómics porque o día de mañá terían un libro entre as súas mans. Mal; estamos contigo, Miguelanxo. A novena arte é un valor en si mesmo, non a panacea que devolverá aos pagáns ao correcto carreiro da novela de ficción.

Tras este encontro, espero que cando os participantes abran o seu exemplar de De profundis marcado cunha icona acuática e a firma de Miguelanxo -envexa sa dáme o que se pode facer cun boli bic- rasguen un caderno ou tomen unha servilleta e realicen o seu propio cómic. Non en balde, como afirma McCloud, dúas viñetas xa fan un cómic.

Fátima Elías Busto
Re-portera de Fancómic news