Los Heresiarcas
Despois de ler, reler e requeteler “Los Heresiarcas” dinme conta de que non é un cómic. Si, si, como estades lendo agora mesmo. Esta obra de BD non é un tebeo é un guión cinematográfico. Os encuadres, os planos, a perspectiva, os guiños humorísticos, a axilidade do guión, o cambio de situacións, de personaxes, de cor… todo é puro cine. Nótase que Carlos Porte-nto-la é un experto nesa materia (senón fose por el case non habería series galegas), tanto que elexíu o mellor cámara-realizador-director de fotografía que podía elexir, DasPastoras. Co que está a realizar a mellor obra de fantasía heroíca que deu o 7º arte nas nosas costas, ou era o 9º?, ou cal era?.
As ilustracións son tan infinitamente maravillosas que imaxino a cara que puxo San Jodorwsky, ou segundo Muchachada Nui “el hombre que sale de una vagina gigante para ser comido por la versión Godzilla de Jesús Quintero”, cando as viu por primeira vez, e como coa boca aberta e o teléfono na man (todo o mundo coñece a aversión de Xulio polas novas tecnoloxías) lle pide “Ipso facto” a “Daspas” que utilice o seu talento para ilustrar a precuela de “La casta de los metabarones”, Castaka. Album que por certo está ao mesmo nivel, ou incluso a un nivel superior (o que teña algo que obxectar retoo a un duelo de beber cervexa e comer salchichas), ilustrativamente falando, que “La Casta…” de Juan Giménez.
Pero aquí non remata a cousa, vouvos dicir por que tedes que ler “Los Heresiarcas”:
Hai que lelo, porque se che gusta a fantasía heróica, desfrutarás sobremaneira cos mundos creados por estos dos monstros da narración, babearás co deseño das personaxe (bruxos, monstros, deuses, heroes…), sorprenderaste cos cambios inesperados de guión, amarás aos seus protagonistas e sentiraste obrigado a emprender a viaxe (que neste caso non é iniciática como na maioría de obras do xénero) con eles.
Se non che gusta a fantasía heroíca, tes que lelo porque desfrutarás páxina a páxina co tratamento da cor, as texturas, a anatomía das personaxes… babearás co cariz escuro e sombrío que pouco a pouco vai adoptando a obra, que sen perder o seu punto forte “O humor” (Hai veces que parece que os autores se están a rir de si mesmos e do xénero que elexiron abordar) nos encumbra ata o lugar máis lúgubre da nosa psique, amarás os dialogos cos que se nos presenta toda a vida interior das personaxes do libro.
Se non sabes se che gusta a fantasía heróica ou non, mira se está disponible “Los Heresiarcas” no noso catálogo, leo e elixe un bando. A batalla está a piques de comezar.
Iván Serrano